Friday 19 de April de 2024

O Goberno Municipal lanza a maior oferta de conciliación, con 2.000 prazas, da historia do concello de Santiago


O Goberno Municipal lanza a maior oferta de conciliación, con 2.000 prazas, da historia do concello de Santiago

Rubén Prol: “Nada obstaculiza que a oferta municipal sexa complementada por outra oferta que se realice por parte das propias familias, como a ANPA de Lamas de Abade que realiza un programa propio de conciliación”.

O concelleiro recoñece que está habendo unha gran demanda, non só en Santiago, tamén en cidades como Pontevedra, onde as FANPAS desa cidade organizan o programa Conciliaverán con 2.000 prazas de conciliación. En 5 días cubríranse 1.850.

O concelleiro de Educación, Rubén Prol, destacaba hoxe que o “Programa de conciliación de verán 2022”, que se vai desenvolver nos CEIPS Quiroga Palacios e Monte dos Postes, duplica en prazas ao último previo á pandemia. Son 960 prazas gratuitas, fronte ás 480 ofertadas no último ano antes da pandemia. Estas 960 prazas forman parte do conxunto da oferta municipal de conciliación deseñada polo Goberno Muncipal que dirixe Sánchez Bugallo, e que sumándoas ás da Escola Municipal de Música (45), ás do espazo de lecer María Miramontes (438), ás das Escolas Infantís Municipais (60); e ás da rede de Centros Socioculturais (484). É a maior oferta de conciliación, destaca Rubén Prol, “que puxo en marcha o Concello de Santiago na súa historia”.

Son, en conxunto, máis de 2.000 prazas, segundo destacaba o concelleiro, nas que ademais, por primeira vez, as familias teñen a posibilidade de inscribirse no mes de agosto. Este mes está incluido por primeira vez na oferta municipal, tanto no programa de conciliación nos centros educativos como na Ludoteca municipal, que inaugura o seu primeiro ano cunha oferta de verán. Recorda Rubén Prol que tamén se aumentou “o alcance dos programas de centros socioculturais, dentro dos cales a atención á infancia e ás familias é unha aposta do goberno, tanto en conciliación de mañán como en actividades de tarde”.

A oferta do “Programa de conciliación de verán 2022” (960 prazas) e a do espazo de lecer María Miramontes (438 prazas), son gratuitas, o que supón, segundo Rubén Prol, “unha aposta máis do concello por facer política social de conciliación e apoio ás familias, como está facendo o goberno do Estado, amortiguando o impacto económico con medidas de apoio directo ás familias”.

O concelleiro tamén aclara que esas 300 solicitudes en listaxe de agarda, corresponde á suma das seis quendas previstas no servizo. E que moitas desas solicitudes que están en listaxe de agarda nunha das quendas, poden estar incluidas noutras quendas que tamén solicitaron. Sinala tamén que ese non vai ser o número real de solicitudes en lista de agarda, porque “é habitual que entre esas quendas e os programas haxa movementos por parte das familias, en función das súas vacacións, e dos distintos programas aos que os usuarios se apuntan. Por iso, os programas da Ludoteca, e da Escola Municipal de Música deseñan as súas quendas de forma que sexan intercambiables para as familias”

Engade Rubén Prol que “a obriga do Concello, nunha situación que é diametralmente oposta á da pandemia, é xerar programas que teñan demanda social e cubrir ao máximo a súa oferta. Nada obstaculiza que a oferta municipal sexa complementada por outra oferta que se realice por parte das propias familias, como a ANPA de Lamas de Abade que realiza un programa propio de conciliación”.

En todo caso o concelleiro recoñece que está habendo unha gran demanda, non só en Santiago, tamén en cidades como Pontevedra, onde as FANPAS desa cidade organizan o programa Conciliaverán con 2.000 prazas de conciliación. En 5 días cubríranse 1.850.